Luar na Lubre
Luar na Lubre - 30 Aniversario
Vieiras e Vieiros

Vieiras e vieiros, historias de peregrinos

VIEIRA, ese molusco sobre o que Afrodita, filla de Chronos nada da escuma
mariña, navegou ata as illas de Citera e Pafos, santuarios do amor e maila
sexualidade. ¿Cómo chegou o Pectem maximus a ser o símbolo dos
peregrinos composteláns, pero tamén dos romeiros a Le Mont-Saint-Michel xa
dende o século VIII, pola abondosa presenza deste bivalvo nas costas bretonas
e normandas? ¿Puido existir un contaxio dende aquel mundo céltico, ámbito no
que tantos santos chegaron por mar non dende Palestina, senón procedentes
do Alén, ate o contexto da Gallaecia?

Cosidas no chapeu e capa de antano coma testemuño da estadía no santuario
da confín do Mundo, e prendidas hoxe nas mochilas xa á ida, as vieiras son o
único elemento que se ten mantido da indumentaria do peregrino tradicional, e
no presente segue a constituír o emblema principal da ruta, a carón da
contemporánea frecha amarela creada por don Elías Valiña.

A forzada integración da vieira no relato xacobeo se ten feito co recurso a un
poético milagre acontecido en Bouzas (Matosinhos), antigo territorio da Maia,
cando pasando a barca milagrosa co corpo do apóstolo deica o mar de Arousa
e Iria, un cabaleiro curioso se achegou a admirala, e o saír do mar coa súa
cabalgadura comprobou que esta se atopaba cuberta de vieiras. O protagonista
do episodio, marabillosamente representado na táboa de Giovenale de Orvieto
para Santa María Aracoeli (Roma), foi denominado por Mauro Castellá Ferrer,
nun anticipo cunqueiriano, coma o Cavaleiro das Vieiras.

E VIEIRO, ese camiño estreito como os que conducen á perfección, que as
estradas sempre foron para outros mesteres máis mundanos. Senda, carreiro,
verea non aberta polos homes con pico e pá, senón soamente polo uso e o
paso, teima dos que seguen as pegadas dos precursores, dos devanceiros,
dos peregrinos e mesmo dos turigrinos, de Aimeirco a don Gaiferos, da Rainha
Santa a Nícola Albani, de Walter Starkie a Shirley McLaine, todos eles guiados
polas estrelas da Vía Láctea, ese manto protector que algúns queren identificar
coas ánimas relucentes dos que xa emprenderon a definitiva derrota.
Camiño humilde que co paso do tempo chegou a facerse máis grande ca
propia meta, e conforme ó maxisterio xa antigo da Igrexa Ortodoxa, acabou por
encher de sentido a propia viaxe, transformando a Compostela tan só nunha
desculpa para mergullarse na aventura da grande travesía. Magnificencia dun
itinerario sagrado que se ofrece dende hai doce séculos como unha
oportunidade única para a aprendizaxe, a convivencia, a reflexión, o tránsito
cara ó misterio do noso propio ser e do infindo.

Os peregrinos preguntan de contado, a un hospitaleiro coas redes ateigadas de
sabedoría, qué cousa é o Camiño, e lonxe de recibiren longas peroratas,
obteñen por única resposta: “O Camiño es ti”. Daquela ti es o Camiño e túa a
vida, pero a Verdade hai que procurala, con denodado esforzo, ate o derradeiro
suspiro.

VIEIRAS E VIEIROS, xa da man, porque non pode haber símbolos sen
camiños que lles dean sentido, pero tamén porque os camiños sen un mito
fundacional non deixan de ser máis ca fríos condutos entre dous puntos, como
dixo Kundera en A Inmortalidade, unha noxenta perda de tempo ou, como
moito, un fermoso roteiro de sendeirismo, e o Camiño, abofé, é moito máis ca
un GR, converténdose nunha grande metáfora á que cadaquén vestirá coa súa
banda sonora, que sen dúbida pode ser esta.

Antón Pombo





Aviso legal © by Abertal