O Grupo

Historia

Os pasos de Luar na Lubre

O Grupo

Primeira pegatinaNo ano 1985 nace LUAR NA LUBRE na cidade de A Coruña converténdose co paso dos anos e o seu teimoso traballo nunha das formacións máis prometedoras e referenciais da música feita na Galiza.

Partindo do dereito á diferenza enriquecedora da cultura galega, e entendendo que a música é un dos factores máis importantes desta afirmación, Luar na Lubre inspira o seu proxecto nas músicas tradicionais, entroncándose nas correntes da música folk europea e, en particular, na órbita das denominadas músicas «atlánticas ou célticas».

Cartaz 10 aniversario Luar na LubreDesde o seu nacemento a proposta de Luar na Lubre baseouse nas músicas de raíz galega polo que adican especial atención ao estudo dos diferentes cancioneiros galegos tanto da tradición como da lírica medieval. Así mesmo, os traballos de campo e recolleita proporcionan un valioso fondo documental así como un importante coñecemento da realidade musical galega que tamén se revela determinante nas súas composicións propias.

Concertos e Mike Oldfield

LUAR NA LUBRE é sen dúbidas e hoxe en día a banda máis internacional da Galiza. Así pois, levan percorrido gran parte do planeta levando a cultura e a música galega a máis de 35 paises nos arredor de 2000 concertos realizados dende a súa creación.

Entregándolle o triple disco de platino a Mike Oldfield

Foi en 1992 e grazas ao prestixioso cronista musical Nonito Pereira como coñeceron ao músico británico Mike Oldfield. Para el, e de forma exclusiva, ofreceron un concerto privado na coñecida sala de concertos coruñesa “Playa Club”. Dese improvisado concerto e posterior “jam-session” saiu unha relación que levou a Mike a facer unha versión do tema “O SON DO AR”, composición de Bieito Romero e título do que no 1988 foi o seu primeiro L.P. homónimo. Mike incluíu ese tema como o 1º do seu C.D. “Voyager” (1996) retitulándoo como “The song of the sun”. Isto foi determinante na carreira de Luar Na Lubre converténdose nun gran impulso para a súa proposta que medrou exponencialmente cando o propio Mike convidou ao grupo a realizar a xira “Then & Now” no ano 1999. 

Esta xira realizouse por diferentes cidades do estado e nos mellores escenarios con grande éxito e confirmando a Luar Na Lubre como grupo “revelación”. O colofón desa xira foi o macroconcerto do día 31 de xullo de 1999 na praia de Santa Cristina – A Coruña na que confluiron The Coors – Mike Oldfield e Luar Na Lubre con máis de 150.000 persoas como público asistente, quizáis o concerto máis multitudinario da historia en Galicia.

Historia recente

No ano 2001, e tralo éxito de Plenilunio e Cabo do Mundo, LUAR NA LUBRE celebran os seus quince anos de carreira, editando o disco “XV Aniversario”, que ademáis de recoller os seus grandes éxitos, conta con tres novas composicións, versións en directo, novas mesturas, e a colaboración de Jose Angel HeviaIsmael Serrano e Pablo Milanés. 

Con Donald Lunny

No 2002 visitan Irlanda onde contan coa colaboración de Donald Lunny como productor e tamén como instrumentista, na gravación do disco “Espiral” na que tamén participan os emblemáticos músicos irlandeses Mairtín O’Connor e Nollaig Casey.

Entre as xiras por Galiza, España e mundo, no ano 2004 e dirixida por Ignacio Vilar, LUAR NA LUBRE gravou o seu primeiro DVD “Un Bosque de música”, onde se recolle parte da súa traxectoria e vivencias. Unha experiencia magnífica onde se combinan as paisaxes do noso país, a música do grupo e algunhas anécdotas persoais de cada un dos seus membros.

O documental amosa tamén momentos da gravación do disco “Hai un paraíso”, concebido en parte baixo a conmoción da catástrofe do petroleiro Prestige.

 

Un ano despois, en 2005 editan “Saudade”, un canto á emigración no que contan, entre outras, coas colaboracións de Pablo MilanésLila DownsAdriana Varela ou Emilio Cao; e en 2007 “Camiños da fin da terra”, percorrido musical  polos camiños dos confíns do mundo, co que acadaron o recoñecemento a Mellor Álbum Tradicional e Mellor Canción en Galego (con Canto de Andar) dos Premios de La música.

No ano 2009 nace  “Ao vivo“, un exitoso directo gravado en CD e DVD no Teatro Colón de A Coruña onde contaron coa colaboración das voces de Diana NavarroPedro Guerra e Luz Casal, e no que inclúen tamén unha versión de El Derecho de Vivir en Paz xunto a Ismael Serrano.

En 2010 publican “Solsticio“, un disco cun son que se mergulla máis na lírica medieval galega e as cantigas do rei Alfonso X, incluíndo tamén outros temas da tradición musical galega máis recente.Neste traballo contan coas colaboracións de Diana NavarroMiro CasabellaNani García ou o irlandés Pat Kilbride.

No ano 2011 Luar Na Lubre foi embaixador  musical  da súa terra  levando a marca “Galicia” polos mellores teatros e festivais do estado cun éxito máis que notable. E no 2012 editan a triloxía Sons da Lubre nas Noites de Luar, que inclúe tres CDs recompilatorios e un DVD co concerto gravado en directo na icónica Praza da Quintana de Compostela no mes de xullo do mesmo ano.

Tamén no 2012 ve a luz Mar Maior, un disco no que toma especial protagonismo a música medieval, e no que algúns temas fan referencia ao nexo de unión galego-irlandesa que aparece no Leabhar Ghabhála, o Libro das Invasións de Irlanda, escrito no século XII por monxes irlandeses.

Esta primeira incursión histórico-musical deu lugar finalmente a un espectáculo gravado no 2014: Torre de Breoghán. Durante dous días inesquecibles de cheo absoluto no Palacio da Ópera da Coruña Nani García foi o encargado dos arranxos cos que a Orquestra Sinfónica de Galicia acompañou a Luar Na Lubre nunha viaxe audiovisual e narrada dende Galiza ate as costas irlandesas, e tamén na interpretación sinfónica de temas clásicos do grupo.

No ano 2015 o grupo achégase a outras culturas da península ibérica co seu traballo “Extramundi”. Un homenaxe ao tempo que agradecemento a outras culturas peninsulares e irmáns levando ao seu terreo temas clásicos, algúns deles tamén cantados nas súas linguas orixinais, como o vasco Txoria Txori, o asturiano Nel campu ñacen flores ou o catalán El Rossinyol entre outros.

En 2016, Luar na Lubre celebran o seu XXX Aniversario cun recompilatorio de temas “agochados”, por menos coñecidos, nun CD no que tamén reinterpretan algunhas melodías dos seus primeiros discos, como é o caso de “O soldado desgraciado”, “Morrisons jig” ou “Dun Tempo Para Sempre”, desta volta na voz de Irene Cerqueiro, filla de Anna Espinosa, primeira vocalista do grupo entre 1988 e 1994. Neste traballo  rinden tributo tamén a Emilio Cao, ícono da música galega, co seu tema Fonte de Araño, composición do propio E. Cao e título do que fora o seu primeiro traballo, desta volta na personal voz de Ismael Serrano.

E en 2018 ve a luz “Ribeira Sacra“, un disco que ten como obxectivo poñer en valor a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio, tomando como punto de partida a recolleita de testemuñas e sons ambientais conformando unha banda sonora humana e natural combinada armónicamente coa musical.

“Ribeira Sacra” comezou a xestarse no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense), coincidindo coa vaga de lumes que no outono de 2018 fixeron estragos en Galiza, o que marcou e deixou pegada neste traballo. Un proxecto que recolle tamén feitos e personaxes históricos, como Manuel Blanco Romasanta, o lobishome de esgos, tradicións como as dos Felos de Maceda e Esgos, de fonda arraigo etnográfica no entroido, ademais de textos en barrallete, a linguaxe dos afiadores e doutros oficios da zona (cordeleiros, naceiros, barquilleiros….).

Este CD conta ademáis, con ducias de colaboradores que achegan a súa contribución ás 26 cancións deste disco: desde Víctor Manuel ata SES, pasando pola Coral de RuadaNani García, a asturiana Marisa Valle Roso,  Juan A. Antepazo de AstarotIrma Macías SuárezBrais Maceiras, entre outros moitos. Estes dous últimos, Irma (voz) e Brais (acordeón) pasan a formar parte de Luar Na lubre a raiz deste encontro.

 

Vieiras e vieiros Historias de peregrinos

 

Tras o éxito de Ribeira Sacra, no 2020 o grupo regresou aos escenarios para presentar o seu novo disco de estudio, “Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos”, un álbum que visualiza o patrimonio histórico, artístico, cultural e natural do antigo camiño das estrelas e de todas as súas derivacións, a través de historias e lendas de quenes percorreron os seus diferentes vieiros: os peregrinos.

 Con este CD cantado en 4 idiomas (latín, galego, inglés e francés) Luar na Lubre pon banda sonora aos Camiños a Santiago no seu paso por Galicia a través de 27 cortes (14 cancións e 13 sonoridades) nos que o grupo intercala as súas creacións con sons da natureza e da incidencia humana nos distintos itinerarios, ademais de por en valor as músicas tradicionais que perviviron ao longo dos tempos.

 É nesta altura cando se incorpora ao grupo a prestixiosa violinista arteixán Nuria Naia en sustitución de Antía Ameixeiras que deixa unha suliñable pegada na historia do grupo.

 O primeiro single deste disco chámase “Benvido” e conta coa colaboración do cantante Miguel Ríos, quen pon voz a este tema que pretende dar a benvida a todas as persoas que percorren os diferentes camiños que chegan a Compostela polos diferentes vieiros xa convertidos en grandes roteiros de humanidade.

 “Dum pater familias” foi o videoclip deste traballo, un videoclip de animación realizado polo artista multidisciplinar catalán Manel Calderón. Este tema está considerado como o máis antigo himno dos pergrinos a Compostela e está recollido tanto na súa letra como na súa música no prestixioso “Codex Calixtinus” (Codice Calixtino) gardado como un gran tesouro na Catedral de Santiago.

Luar Na Lubre XX Encrucillada

 

Luar Na Lubre XX – Encrucillada é unha obra concibida como unha celebración. Un libro/disco no que a banda pretende conmemorar dun xeito especial o seu vixésimo proxecto. A participación das distintas voces que pasaron polo grupo a través dos seus 37 anos de traxectoria, así como doutros tantos colaboradores en diferentes disciplinas artísticas, son a ratificación deste traballo que celebra un encontro simbólico de camiños que o colectivo pretendía evocar. Un momento histórico emotivo e importante a través dunha recompilación de música, relatos, fotografías e material variado para entender un pouco mellor o que significa Luar Na Lubre a través do tempo.


Recoñecementos e premios

 

Mike Olfield entregando o disco de ouro obtido polo grupo con PlenilunioLuar na Lubre leva vendidas máis de 400.000 copias dos seus traballos discográficos, sendo “Plenilunio” e “Cabo do mundo” discos de ouro consecutivos por superar as 50.000 copias vendidas, feito trascendente e impulsor para un estilo como o folk ata ese momento considerado minoritario.

Grazas a ese impulso, e ao traballo tenaz, o grupo ten unha capacidade de convocatoria salientable que se mantén ao longo do tempo. Conscentes de que a fidelidade do seu público é un gran valor adquirido ao longo dos anos, o grupo suliña o seu agradecemento polo que supón a súa aportación á continuidade do proxecto.

Entre os premios e os recoñecementos recibidos destacamos os seguintes:

    • Premio Ideal ao mellor grupo de folk da Galiza outorgado polo diario “El ideal Gallego”
    • Premio “La Opinión” ao mellor album de folk por “Mar Maior”
    • 2 premios Luar outorgados polo programa “LUAR” da TVG pola mellor traxectoria profesional e polo mellor tema galego.
    • Premio á promoción cultural da cidade da Coruña outorgado pola Comisión de fogueiras de San Xoán.
    • Premio de Audiovisuais galegas “Mestre Mateo” pola música do seu D.V.D “Un bosque de músicas”.
    • 2 por mellor álbum de música tradicional por “Camiños da fin da terra” e “Ao vivo”
    • XIX Premio Ramón Piñeiro López “Facer país”
    • 9 premios da música concedidos pola SGAE e pola “Academia de las artes y las ciencias de la música”:
      • 1 por Mellor Canción Novas músicas por “Tu Gitana”.
      • 1 por mellor álbum de Novas músicas por “Cabo do Mundo”.
      • 1 por mellor album de folk por “Camiños da fin da terra”
      • 6 por mellor canción en galego:
        • “Chove en Santiago”
        • “Camariñas”
        • “Devanceiros”
        • “Hai un paraiso”
        • “Canto de andar”
        • “Os animais”