Historia
Os pasos de Luar na Lubre
O Grupo


Partindo do dereito á diferenza enriquecedora da cultura galega, e entendendo que a música é un dos factores máis importantes desta afirmación, Luar na Lubre inspira o seu proxecto nas músicas tradicionais, entroncándose nas correntes da música folk europea e, en particular, na órbita das denominadas músicas «atlánticas ou célticas».
Concertos e Mike Oldfield
LUAR NA LUBRE é sen dúbidas e hoxe en día a banda máis internacional da Galiza. Así pois, levan percorrido gran parte do planeta levando a cultura e a música galega a máis de 35 paises nos arredor de 2000 concertos realizados dende a súa creación.


Entregándolle o triple disco de platino a Mike Oldfield
Foi en 1992 e grazas ao prestixioso cronista musical Nonito Pereira como coñeceron ao músico británico Mike Oldfield. Para el, e de forma exclusiva, ofreceron un concerto privado na coñecida sala de concertos coruñesa “Playa Club”. Dese improvisado concerto e posterior “jam-session” saiu unha relación que levou a Mike a facer unha versión do tema “O SON DO AR”, composición de Bieito Romero e título do que no 1988 foi o seu primeiro L.P. homónimo. Mike incluíu ese tema como o 1º do seu C.D. “Voyager” (1996) retitulándoo como “The song of the sun”. Isto foi determinante na carreira de Luar Na Lubre converténdose nun gran impulso para a súa proposta que medrou exponencialmente cando o propio Mike convidou ao grupo a realizar a xira “Then & Now” no ano 1999.
Esta xira realizouse por diferentes cidades do estado e nos mellores escenarios con grande éxito e confirmando a Luar Na Lubre como grupo “revelación”. O colofón desa xira foi o macroconcerto do día 31 de xullo de 1999 na praia de Santa Cristina – A Coruña na que confluiron The Coors – Mike Oldfield e Luar Na Lubre con máis de 150.000 persoas como público asistente, quizáis o concerto máis multitudinario da historia en Galicia.
Historia recente
No ano 2001, e tralo éxito de Plenilunio e Cabo do Mundo, LUAR NA LUBRE celebran os seus quince anos de carreira, editando o disco “XV Aniversario”, que ademáis de recoller os seus grandes éxitos, conta con tres novas composicións, versións en directo, novas mesturas, e a colaboración de Jose Angel Hevia, Ismael Serrano e Pablo Milanés.


Con Donald Lunny
No 2002 visitan Irlanda onde contan coa colaboración de Donald Lunny como productor e tamén como instrumentista, na gravación do disco “Espiral” na que tamén participan os emblemáticos músicos irlandeses Mairtín O’Connor e Nollaig Casey.
O documental amosa tamén momentos da gravación do disco “Hai un paraíso”, concebido en parte baixo a conmoción da catástrofe do petroleiro Prestige.
No ano 2009 nace “Ao vivo“, un exitoso directo gravado en CD e DVD no Teatro Colón de A Coruña onde contaron coa colaboración das voces de Diana Navarro, Pedro Guerra e Luz Casal, e no que inclúen tamén unha versión de El Derecho de Vivir en Paz xunto a Ismael Serrano.
No ano 2011 Luar Na Lubre foi embaixador musical da súa terra levando a marca “Galicia” polos mellores teatros e festivais do estado cun éxito máis que notable. E no 2012 editan a triloxía Sons da Lubre nas Noites de Luar, que inclúe tres CDs recompilatorios e un DVD co concerto gravado en directo na icónica Praza da Quintana de Compostela no mes de xullo do mesmo ano.
Este CD conta ademáis, con ducias de colaboradores que achegan a súa contribución ás 26 cancións deste disco: desde Víctor Manuel ata SES, pasando pola Coral de Ruada, Nani García, a asturiana Marisa Valle Roso, Juan A. Antepazo de Astarot, Irma Macías Suárez, Brais Maceiras, entre outros moitos. Estes dous últimos, Irma (voz) e Brais (acordeón) pasan a formar parte de Luar Na lubre a raiz deste encontro.
Vieiras e vieiros Historias de peregrinos
Con este CD cantado en 4 idiomas (latín, galego, inglés e francés) Luar na Lubre pon banda sonora aos Camiños a Santiago no seu paso por Galicia a través de 27 cortes (14 cancións e 13 sonoridades) nos que o grupo intercala as súas creacións con sons da natureza e da incidencia humana nos distintos itinerarios, ademais de por en valor as músicas tradicionais que perviviron ao longo dos tempos.
O primeiro single deste disco chámase “Benvido” e conta coa colaboración do cantante Miguel Ríos, quen pon voz a este tema que pretende dar a benvida a todas as persoas que percorren os diferentes camiños que chegan a Compostela polos diferentes vieiros xa convertidos en grandes roteiros de humanidade.
“Dum pater familias” foi o videoclip deste traballo, un videoclip de animación realizado polo artista multidisciplinar catalán Manel Calderón. Este tema está considerado como o máis antigo himno dos pergrinos a Compostela e está recollido tanto na súa letra como na súa música no prestixioso “Codex Calixtinus” (Codice Calixtino) gardado como un gran tesouro na Catedral de Santiago.
Recoñecementos e premios
Grazas a ese impulso, e ao traballo tenaz, o grupo ten unha capacidade de convocatoria salientable que se mantén ao longo do tempo. Conscentes de que a fidelidade do seu público é un gran valor adquirido ao longo dos anos, o grupo suliña o seu agradecemento polo que supón a súa aportación á continuidade do proxecto.
Entre os premios e os recoñecementos recibidos destacamos os seguintes:
- Premio Ideal ao mellor grupo de folk da Galiza outorgado polo diario “El ideal Gallego”
- Premio “La Opinión” ao mellor album de folk por “Mar Maior”
- 2 premios Luar outorgados polo programa “LUAR” da TVG pola mellor traxectoria profesional e polo mellor tema galego.
- Premio á promoción cultural da cidade da Coruña outorgado pola Comisión de fogueiras de San Xoán.
- Premio de Audiovisuais galegas “Mestre Mateo” pola música do seu D.V.D “Un bosque de músicas”.
- 2 por mellor álbum de música tradicional por “Camiños da fin da terra” e “Ao vivo”
- XIX Premio Ramón Piñeiro López “Facer país”
- 9 premios da música concedidos pola SGAE e pola “Academia de las artes y las ciencias de la música”:
- 1 por Mellor Canción Novas músicas por “Tu Gitana”.
- 1 por mellor álbum de Novas músicas por “Cabo do Mundo”.
- 1 por mellor album de folk por “Camiños da fin da terra”
- 6 por mellor canción en galego:
- “Chove en Santiago”
- “Camariñas”
- “Devanceiros”
- “Hai un paraiso”
- “Canto de andar”
- “Os animais”