Festival Vákner: Luar na Lubre con Víctor Manuel, Ismael Serrano e Carlos Goñi

 

 

 

O Vákner: a besta que xuntará nun festival memorable a Luar Na Lubre con artistas invitados como
Víctor Manuel, Ismael Serrano e Carlos Goñi

 

 

  • Carlos Goñi, lider do emblemático grupo Revólver, súmase á lista de convidados, na que non se descartan novas incorporacións.
  • O concerto terá lugar o 28 de maio no campo de fútbol de Dumbría e lembra ao animal salvaxe, tal vez un lobishome,  co se se atopou un monxe armenio e que foi rescatado polo concello da localidade.
  • En torno a esta proposta musical realizaranse outras iniciativas culturais vencelladas á arte e á literatura, coa entrega de premios do certame literario Territorio Vákner e o descubrimento dunha escultura do monstro.
  • Dumbría lidera unha aposta de territorio, de valorización do patrimonio inmaterial e de aproveitamento turístico que quere implicar a toda a área de influencia do Camiño a Fisterra e Muxía: “Territorio Vákner”

 

Ao igual que na película de José Antonio Bayona, un monstro virá a vernos, neste caso á  Costa da Morte. Será dun xeito menos onírico, pero igual de fantástico, aínda que cunha finalidade moito máis lúdica: para inspirar un festival memorable que reunirá por primeira vez en directo a outros catro monstros, no seu caso da música: Luar Na Lubre, Víctor Manuel, Ismael Serrano, e Carlos Goñi, estes tres últimos en calidade de amigos da banda liderada por Bieito Romero. De momento son, xunto coa artista local Alexandra Suárez, os artistas convidados que xa están confirmados, pero non se descartan máis. A apertura do festival correrá a cargo dos Gaiteiros de Buxantes.

VáknerO catalizador deste festival con vocación de continuidade será o Vákner, unha desas bestas lendarias que merecen ser rescatadas, o que xustamente decidiu facer o Concello de Dumbría no ano 2019. Aínda que moito se discute sobre se era un touro, un lobo ou incluso un dragón, todo apunta a que se trata dun lobishome, segundo  concluíu un simposio internacional celebrado en Dumbría tamén no ano 2019 para afondar na identidade do Vákner. Ata entón pouco máis se sabía del desde que se lle aparecese a un bispo armenio fai 6 séculos, entre os anos 1491 e 1493, na súa peregrinaxe por estas terras.

Este festival aspira a ser o gran encontro musical da Costa da Morte, pero non so a iso, pois celebrarase en maridaxe con outros ingredientes como a arte, a literatura ou a gastronomía.

De feito, todo iso forma parte do proxecto “Territorio Vákner”, impulsado polo Concello de Dumbría, que lidera desde 2019 unha aposta de territorio, de valorización do patrimonio inmaterial e de aproveitamento turístico na que quere implicar a toda a zona influída polo Camiño a Fisterra e a Muxía.

O común denominador do festival, ademais do Vákner, será nesta primeira edición a música de Luar Na Lubre, que se fará acompañar dun grupo de amigos que  participarán no concerto en calidade de invitados, entre os que se atopan Víctor Manuel, Ismael Serrano, Carlos Goñi, ou a cantante local Alexandra Suárez, aínda que non se descartan máis sorpresas.

O concerto será gratuíto, pois así o decidiu o concello, malia que para controlar o aforo será igualmente preciso obter as entradas a través de www.ataquilla.com e de forma presencial nas instalacións municipais. As entradas, tanto on line coma físicas, estarán dispoñibles a partir do martes 19 de abril ás 10:00 h.

O último traballo de Luar Na Lubre, que leva por título ‘Vieiras e vieiros, historias de peregrinos’, será así presentado na Costa da Morte nun concerto especial por diferentes motivos. Será a primeira vez que Luar na Lubre actúe en Dumbría, saldando así unha débeda histórica con este concello da comarca, unha terra coa que a banda líder de folk galego ten unha enorme vinculación. Así o explica o seu líder, Bieito Romero: “Nos nosos 19 traballos, e a excepción do álbum Ribeira Sacra, aparecen cancións vencelladas coa Costa da Morte, da que me sinto moi preto. De feito, dei clases de gaita en Malpica, Zas e Coristanco e resido nunha das entradas á mesma, en Arteixo. O vínculo emocional para min é enorme, pero ata o de agora deuse a circunstancia de que nunca tocáramos en Dumbría”. Tamén destaca Romero a importancia da figura do Vákner, pola que o grupo apostou desde un principio dedicándolle precisamente un tema no seu último traballo.

Pero ademais, será tamén a primeira vez que Luar Na Lubre, Víctor Manuel e Ismael Serrano coincidan nun directo  en Galicia despois de ter colaborado en diferentes discos.

O álbum ‘Vieiras e vieiros, historias de peregrinos’ enlaza historias e lendas dos peregrinos que percorreron os diferentes camiños que levaban a Santiago, así como as súas derivacións ata Fisterra e Muxía, nos confíns da terra. No Festival Vákner mesturaranse os temas deste traballo con outros clásicos e moi coñecidos polo público.

Pero, como diciamos, non todo será música. En torno a esta proposta musical realizaranse diferentes iniciativas culturais, como a entrega do certame literario Territorio Vákner, nas súas dúas categorías: escolar e adulto; ou o descubrimento dunha escultura do Vákner, entre outras. Todas as actividades desenvolveranse na mesma xornada, o sábado 28 de maio, en horario de mañá e tarde.

LA VOZ DE GALICIA: Las entradas para el Festival Vákner, en Dumbría, disponibles para su retirada gratuita

Será el 28 de mayo, sábado. En el escenario, Luar na Lubre, Ismael Serrano, Víctor Manuel…

O CORREO GALEGO - Vákner xuntará a Luar na Lubre, Víctor Manuel e Ismael Serrano

Actuarán o 28 de maio no campo de fútbol de Dumbría // Este concerto é un paso máis na valorización da figura do monstro co que se atopou un monxe armenio en 1492 // Complementarase con arte e literatura (…)

LA VOZ DE GALICIA - Luar na Lubre, Víctor Manuel e Ismael Serrano, en el Festival Vákner de Dumbría

Un encuentro memorable en torno a esta legendaria figura reunirá a estos tres «monstros» artísticos. Anote la fecha: 28 de mayo (…)

GALICIA CONFIDENCIAL - O Vákner: a besta que xuntará en Dumbría a Luar na Lubre con Ismael Serrano

O concello de Dumbría organiza un festival gratuito no que se mistura música, arte, literatura e gastronomía. Entre os artistas convidados están Luar na Lubre, Víctor Manuel ou Ismael Serrano (…)

QUÉ PASA NA COSTA - Dumbría prepara o seu Festival Vákner con Luar na Lubre, Víctor Manuel e Ismael Serrano

Segue collendo protagonismo o Vákner na imaxe do Concello de Dumbría, como vehículo para a posta en valor do patrimonio inmaterial e de aproveitamento turístico arredor do Camiño. Dende 2019, esta simbólica besta, tal vez un lobishome, coa se se atopou en 1492 un monxe armenio e que foi rescatado polo concello costeiro, focaliza boa parte da imaxe corporativa dumbriesa, dando agora nome I Festival musical, que se celebará o 28 de maio nas instalacións deportivas do Conco. (…)