O grupo folk galego recibe en Láncara o premio Ramón Piñeiro da man de Xurxo Souto e nunha terra coa que manteñen lazos afectivos
Os integrantes de Luar da Lubre, «mestres dos mestres da música galega», como os definiu o tamén músico e escritor Xurxo Souto, recibiron este sábado en Láncara o décimo noveno premio Ramón Piñeiro, Facer País, en recoñecemento a unha longa traxectoria de máis de 35 anos de traballo a prol da lingua e a cultura galegas.
Tras o parón do 2020 por mor da pandemia de covid, a asociación cultural Val de Láncara retomou a convocatoria deste galardón, que carece de dotación económica e cuxo gran valor radica precisamente en que parte dos colectivos da zona e está enraizado no pobo.
«É unha honra recibir este premio, que xa coñeciamos dende hai anos. Creo que é un dos máis importantes a nivel galego, moi ben considerado no mundo da cultura, e para nós ten unha importancia especial que te recoñezan na terra«, asegurou Bieito Romero, fundador desta banda folk, a máis internacional de Galicia, que xa leva editados 19 discos e colleitados multitude de galardóns.
A concesión este ano do Facer País estivo rodeada de felices casualidades. Como é tradición, correspóndelle ao último premiado (neste caso Xurxo Souto) facer entrega do recoñecemento aos seus sucesores. Cousas do destino, úneos unha fonda amizade.
«O día de hoxe para min é de felicidade, por volver ao val de Láncara para honrar aos mestres dos mestres. Para máis orgullo, Bieito foi amigo meu da infancia e tivo dende moi novo ese compromiso vital coa música galega. Converteuse nun mestre e leva a tradición polo mundo todo, compartindo a creatividade desta terra», destacou Xurxo Souto.
Para o líder da banda, recibir o premio de mans do seu amigo foi «a cuadratura perfecta». Pero é que, ademais, Bieito Romero coñecía dende había anos o día a día de Val de Láncara polo relato que Manolo da Benita (un dos fundadores da asociación cultural, falecido en 2018) lle contaba á súa dona, da que era compañeiro no instituto coruñés Urbano Lugrís.
«Os membros desta asociación renovada non sabían dese vínculo e cando me chamaron pola concesión do premio fíxome moita ilusión», comentou Romero.
Ver nova completa en: elprogreso.es