Plenilunio

Con este chegou o éxito. A influenza de MIKE OLDFIELD e o feito de firmar por unha multinacional (WARNER) fixo  que o grupo alcanzase a súas cotas máis altas de popularidade actuando por todo o estado español con moito éxito e chegando a vender, ata a data de hoxe, máis de 50.000 discos, sendo un dos poucos grupos galegos que conseguiu u disco de ouro. Como xa referimos anteriormente, e a raíz da saída deste traballo, o grupo non só tivo unhas moi boas críticas senón que se lle concederon importantes premios.

INTRODUCIÓN

Desde o medio do ceu alumia as mulleres ermas que contan ondas na Lanzada(1). Dona da fertilidade, raiña do mar e do ventre, compasa os seus ritmos diverxentes e abre-os ao milagre da reprodución na novena onda.

Tamén en Corme(2) as fémeas case espidas buscan o ritmo do seu seo baixo a Lua, vixiadas pola Serpente Alada, ferida cunha cruz no seu lombo.

Cando as fémeas soben ao monte, a Serpente alza o seu volo levando unha Vella que Fia na Roca o fio do tempo; a sucesión de luas novas e vellas, e cada Plenilúnio, deixa ao seu paso grandes laxes que enchen de dólmenes a terra húmida, de Dombate(3) ao Hospital da Fonsagrada(4), da Faladoira ao Morrazo.

O luar fende a terra, e escoita-se un ritmo xordo de percusión profunda que é o pandeiro do amigo que xa non está. É o son do dolmen, o antigo ritmo da semente transformada na espiga do eterno campesino neolítico que todos levamos dentro.

A Serpente Alada continua a viaxe, e a Vella que Fia na Roca sementa de pedras as beiras do Gran-Mar, e debuxa a Lua nas pinturas das Antelas na Beira Alta(5), nos relevos do Gavrinis na Armórica(6), e nas gravuras de Loughcrew na Irlanda de Brugh na Bóinne(7), e cose co seu fio os confins do mundo que levan por nome Fistrra. Asi nasce a Irmandade da Pedra e a Lua nas terras húmidas unidas polo mar.

Ritmo de mar, ondas e mareas. A Lua marca o tempo, e o tempo fai-se pedra na Laxe das Rodas de Muros, e fai-se onda nos círculos de Fentáns e Cotobade(8). E o tempo cruza o mar, e os seus mistérios quedan ocultos para sempre nos Labirintos de Mogor e Hollywood.

Ritmo interminábel, água esvarando sobre a pedra. A Lua cria entón a vida vexetal sobre o dolmen e a laxe gravurada, e nasce a ruína. Pedras do monte, fogares de musgo.

E pasan luas. No Plenilúnio os homes dos castros, libada a cervexa ritual dos que se senten guerreiros do Bronce, bailan cun só pé mentres lanzan aturuxos(9) e berros secos. Máis tarde, no mesmo lugar unha moura(10) peitea os seus cabelos loiros, e unha serpente agarda os nove bicos que abrirán o grande tesouro a aquel que saiba decifrar a mensaxe da Lua no Labirinto e teña a barileza de pasar as probas sen cair no terror. Mentres, desde o alto, a Lua dedica o seu sorriso aos Sete Pitos de Ouro(11), agardando que volten ao seu lugar cósmico a beira dela.

Lua sobre a fonte, e un tolleito cura o tangaraño(12). Lua na cruz dos camiños, e unha sábia queima os cabelos de infante para afastar a meiga chuchona(13). Lua sanadora das ondas e das pedras furadas. No claro do bosque un home pecha-se nun círculo mentres pasa a Compaña(14) levada por un anxo enfermo e triste.

Ritmo de vida. Plenilúnio de Agosto para cortar a xesta e, máis tarde, en Setembro, a árbore de madeira boa na touza escura.

Ritmo de onda e de mareas, ritmo de pedra e do tempo, ritmo da vida e do bosque.

Ritmo da Lua neste Luar de Plenilúnio na Lubre(15) Atlántica.

Fóra a-iauga, veña a Lúa
polas portiñas da Cruña.

Xosé Mª Bello Diéguez
(Director do museo arqueolóxico da Coruña) (18-8-97)

(1) Lanzada: Praia pertencente aos concellos de Ogrobe e Sanxenxo (PONTEVEDRA), onde todos os anos se realiza o ritual das nove ondas relacionado co culto á fertilidade.
(2) Corme: Vila da Costa da Morte (A CORUÑA) onde perviven ritos ancestrais.
(3) Dombate: Parroquia da provincia da Coruña, en que esta situado o dolmen máis grande de Galiza.
(4) Hospital da Fonsagrada, a Faladoira e O Morrazo: Lugares das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra que posúen grandes concentracións de megalitos.
(5) Beira alta: Rexión portuguesa.
(6) Armórica: Nome antigo da Bretaña que significa “terra que entra no mar”.
(7) Brugh na Bóinne: A mais importante concentración de monumentos megalíticos de Irlanda.
(8) Muros, Fentáns, Cotobade e Mogor: Vilas da Coruña e Pontevedra.
(9) Aturuxo: Berro ancestral empregado na Galiza; Normalmente está relacionado coa música e a danza.
(10) Moura: Ser mitolóxico habitante dos antigos castros.
(11) Sete pitos de ouro: Lenda castrexa; algúns autores relacionan esta lenda coas Pléiades.
(12) Tangaraño: Enfermidade grave atribuída a un trasno maligno.
(13) Meiga Chuchona: Bruxa que chupa o sangue aos cativos e que acostuma a aparecer en forma de moscón.
(14) Compaña: Procesión de almas en pena que portan cirios acesos; dise que aquel que a ve acaba incorporándose a ela.
(15) Lubre: Bosque sagrada dos celtas, que utilizaban para realizar os seus ritos.

COLABORADORES

XAVIER FERREIRO: Percusións latinas e efectos en temas 4, 6, 7, 10, 11 e 12.
XOSÉ ÁLVAREZ: Mandolina en temas 4 e 12.
PAULA OANES: Harpa celta en temas 2 e 9.
DANIEL CERQUEIRO: Guitarra acústica en tema 1.
MICHEL CANADA: Guitarra acústica en tema 5 e triángulo en tema 12.
FERNANDO VILLAR: Teclados en temas 1 e 3

AGRADECEMENTOS

Familia Seivane, Carlos Rodríguez Feijoo (CROF), Xosé Maria Bello, Manuel Morales, Pablo Barreiro, Emilio Españadero, Dúbi Méndez, Kiko Castro, Os Rexumeiros, Vicente Sábio, Xosé Méndez, Daniel Cerqueiro, Ana Espinosa, Paula Oanes, Pepón Goikoa, Esther Regatero,Enrique Magaz, José Luís De La Peña, Paco Perez, Óscar Claros, Xácome Santos, Xoán Nel Espósito, A Cova Fold, A Casa da Lubre, Javier Castro, Nacho Saavedra, Bier Domínguez, Moncho Boga, AA.VV. do Agra do Orzán, a todos aqueles que sempre estiveron connosco e por suposto a Mike Oldfield.

Agradecemento especial a Óscar Vinader polo seu bo facer e amizade e ás nosas familias por aturarnos nos bos e malos momentos.

– Gravado nos estudos “Sintonía” (Madrid) durante o mes de Xullo de 1.997, por Óscar Vinader asistido por Óscar Claros excepto “O son do ar” gravado nos estudos “Dolmen” (A Coruña) por Oscar Vinader.
– Mesturado por Óscar Vinader nos estudos “Sintonía” (Madrid).
– Masterizado por Jesús Gómez nos estudos Doubletronics.
– Producido por Michel Canada agás “O son do ar” producido por Luar Na Lubre.

Lista de temas