O máis famoso dos romances en lingua galega con temática xacobea e recuperado polo musicólogo D. Faustino Santalices. D. Gaiferos de Mormaltán podía tratarse de Guillermo X Duque de Aquitania que finou na Catedral de Santiago despois da súa peregrinación para ver o Apóstolo.
I onde vai aquel romeiro,
meu romeiro a donde irá,
camiño de Compostela,
non sei se alí chegará.
Os pés leva cheos de sangue,
xa non pode máis andar,
malpocado, probe vello,
non sei se alí chegará.
Ten longas e brancas barbas,
ollos de doce mirar,
ollos gazos leonados,
verdes como a auga do mar.
-I onde ides meu romeiro,
onde queredes chegar?
Camiño de Compostela
donde teño o meu fogar.
-Compostela é miña terra,
deixeina sete anos hai,
relucinte en sete soles,
brilante como un altar.
-Cóllase a min meu velliño,
vamos xuntos camiñar,
eu son trobeiro das trobas
da Virxe de Bonaval.
– I eu chámome don Gaiferos,
Gaiferos de Mormaltán,
se agora non teño forzas,
meu Santiago mas dará.
Chegaron a Compostela,
e foron á Catedral,
desta maneira falou
Gaiferos de Mormaltán:
-Gracias meu señor Santiago,
aos vosos pés me tes xa,
si queres tirarme a vida,
pódesma señor tirar,
porque morrerei contento
nesta santa Catedral .
E o vello das brancas barbas
caíu tendido no chan,
Pechou os seus ollos verdes,
verdes como a auga do mar.
O bispo que isto oíu,
alí o mandou enterrar
E así morreu meus señores,
Gaiferos de Mormaltán.
Iste é un dos moitos miragres
que Santiago Apóstol fai.