10 Sereas

Música: JAVIER CEDRÓN.

Unha noite un mozo que estaba para casar escoitou un fermoso canto na praia cando se dispuña a levar a súa lancha para terra. Dende aquel dia ficou engaiolado e pasaba moitas noites ao pé dos cons da beiramar tentando descubrir a orixe daquel canto. O seu carácter mudou, facéndose saudoso, e veciños e parentes pensaron que se achaba enmeigado.

Unha noite de luar escoitou outra volta a cantiga no mar. Púxose á espreita e ollou unha muller que saía entre as ondas. Era de grande fermosura e a parte inferior do seu corpo era de peixe. Dende aquella noite ninguén volveu ver ó mozo. Sen embargo, tense escoitado, durante moitas noites, o canto da serea, que tentaba levar outro mozo onda ela, mais o canto era fero, deica o punto de provocar forte ondaxe e tremendo bruído do vento (Lendas Galegas – Carré Alvarellos)