Ano | 2020 |
---|---|
Produtora | Warner |
Lista de temas
Vieiras e Vieiros, Historias de Peregrinos
VIEIRA, ese molusco sobre o que Afrodita, filla de Chronos nada da escuma mariña, navegou ata as illas de Citera e Pafos, santuarios do amor e maila sexualidade. ¿Cómo chegou o Pectem maximus a ser o símbolo dos peregrinos composteláns, pero tamén dos romeiros a Le Mont-Saint-Michel xa dende o século VIII, pola abondosa presenza deste bivalvo nas costas bretonas e normandas? ¿Puido existir un contaxio dende aquel mundo céltico, ámbito no que tantos santos chegaron por mar non dende Palestina, senón procedentes do Alén, ate o contexto da Gallaecia?
Cosidas no chapeu e capa de antano coma testemuño da estadía no santuario da confín do Mundo, e prendidas hoxe nas mochilas xa á ida, as vieiras son o único elemento que se ten mantido da indumentaria do peregrino tradicional, e no presente segue a constituír o emblema principal da ruta, a carón da contemporánea frecha amarela creada por don Elías Valiña.
A forzada integración da vieira no relato xacobeo se ten feito co recurso a un poético milagre acontecido en Bouzas (Matosinhos), antigo territorio da Maia, cando pasando a barca milagrosa co corpo do apóstolo deica o mar de Arousa e Iria, un cabaleiro curioso se achegou a admirala, e o saír do mar coa súa cabalgadura comprobou que esta se atopaba cuberta de vieiras. O protagonista do episodio, marabillosamente representado na táboa de Giovenale de Orvieto para Santa María Aracoeli (Roma), foi denominado por Mauro Castellá Ferrer, nun anticipo cunqueiriano, coma o Cavaleiro das Vieiras.
E VIEIRO, ese camiño estreito como os que conducen á perfección, que as estradas sempre foron para outros mesteres máis mundanos. Senda, carreiro, verea non aberta polos homes con pico e pá, senón soamente polo uso e o paso, teima dos que seguen as pegadas dos precursores, dos devanceiros, dos peregrinos e mesmo dos turigrinos, de Aimeirco a don Gaiferos, da Rainha Santa a Nícola Albani, de Walter Starkie a Shirley McLaine, todos eles guiados polas estrelas da Vía Láctea, ese manto protector que algúns queren identificar coas ánimas relucentes dos que xa emprenderon a definitiva derrota. Camiño humilde que co paso do tempo chegou a facerse máis grande ca propia meta, e conforme ó maxisterio xa antigo da Igrexa Ortodoxa, acabou por encher de sentido a propia viaxe, transformando a Compostela tan só nunha desculpa para mergullarse na aventura da grande travesía. Magnificencia dun itinerario sagrado que se ofrece dende hai doce séculos como unha oportunidade única para a aprendizaxe, a convivencia, a reflexión, o tránsito cara ó misterio do noso propio ser e do infindo.
Os peregrinos preguntan de contado, a un hospitaleiro coas redes ateigadas de sabedoría, qué cousa é o Camiño, e lonxe de recibiren longas peroratas, obteñen por única resposta: “O Camiño es ti”. Daquela ti es o Camiño e túa a vida, pero a Verdade hai que procurala, con denodado esforzo, ate o derradeiro suspiro.
VIEIRAS E VIEIROS, xa da man, porque non pode haber símbolos sen camiños que lles dean sentido, pero tamén porque os camiños sen un mito fundacional non deixan de ser máis ca fríos condutos entre dous puntos, como dixo Kundera en A Inmortalidade, unha noxenta perda de tempo ou, como moito, un fermoso roteiro de sendeirismo, e o Camiño, abofé, é moito máis ca un GR, converténdose nunha grande metáfora á que cadaquén vestirá coa súa banda sonora, que sen dúbida pode ser esta.
Antón Pombo