07 Pandeirada do Che

(X. Formoso – Farruco Sesto)

O primeiro L.P. en galego, 1969, é venezolano. O gran Celso Emilio Ferreiro tocou o pandeiro neste tema a carón de dous fillos do exilio, Xulio, fillo do xornalista Julio Formoso, membro do Directorio Revolucionario Ibérico (DRIL) e Farruco, fillo de Xosé Sesto, fundador do Partido Galeguista. Xulio e Farruco, vigueses, encheron a súa vida de Latinoamérica. E Ernesto “Che” Guevara está en todas partes. “Dá vergoña vivir coa conciencia acribillada” dicía Benedetti.

Dende o profundo da serra
Polo ar un vento ven
Un vento dun pensamento
Que leva o teu nome Che

Sen morte algunha que o pare
Morte que o poida conter
Corre libre pola xente
E leva o teu nome Che

Un vento coma unha estrela
Coma unha fouce de pé
Coma unha fouce afiada
Que leva o teu nome Che

Un vento cheio de ganas
De queimar e revolver
Un vento de lúa nova
Que leva o teu nome Che

O sangue que lle antecede
Co que xurde detrás del
Forma un feixe de rosas
Que leva o teu nome Che

E cando os nemigos fuxen
Ou comezan a morrer
Quen os abate é un vento
Que leva o teu nome Che

Un vento coma unha estrela
Coma unha fouce de pé
Coma unha fouce afiada
Que leva o teu nome Che

Un vento cheio de ganas
De queimar e revolver
Un vento de lúa nova
Que leva o teu nome Che.