3. Cantar de Romasanta

A historia de Manuel Blanco Romasanta (Regueiro, Esgos 1809 – Ceuta 1863), coñecido como o home lobo de Allariz porque alí foi xulgado, deixou pegada na historia da comarca. Manuel Blanco foi axuizado polos nove asasinatos, cometidos entre 1846 e 1851, das irmás Xosefa, Manuel e Benita García Blanco e Antonia Rúa Caneiro e os seus fillos respectivos. Condenado a garrote vil, a Raíña Isabel II indultouno e cumpriu cadea perpetua en Ceuta.  O caso tivo gran repercusión internacional ao confesar o propio Manuel Blanco que matara as vítimas convertido en lobo. Esta letra foi feita por Félix e Cástor Castro Vicente, inspirada nun antigo prego de cordel sobre o caso.

Colaboracións:
Nani García– TECLADOS
Marisa Valle Roso – VOZ
Félix Castro Vicente – CONCERTINACastor Castro Vicente – FRAUTA

Letra:
Felix e Castor Castro Vicente.

Veñan novos e mais vellos
esta historia  a escoitar
do máis grande criminal
que coñeceron os tempos.

O lobishome de  Esgos
que en Allariz foi xulgado
polos nove asasinatos,
das irmás García Blanco,
Antonia en Rebordechao
E cinco  infantes coitados

Manuel Blanco Romasanta,
tendeiro de profesión,
sen chisco de compasión
as súas vítimas mataba.

Dicíalles que as levaba
a servir a Santander
e que así poderían ter
unha vida regalada.

A San Mamede marchaban
e non se volvían ver.

Na aldea Castro de Laza
xa faltaba tanta xente
que comezou a dicirse
que era o Manuel que as mataba;
e o unto que lles quitaba
nas boticas foi vendido.

Ao asasino fuxido
apresárono en Toledo,
xa non meterá máis medo!
xulgaranse os seus delitos.

Axiña confesaría
que por culpa dunha fada
que o seu mal pai lle botara
en lobo se convertía.

E coas gadoupas abría
das vítimas as entrañas,
a súa carne devoraba,
e as roupas logo as vendía
dende Ourense ata Boticas
coa tenda que comerciaba.

Todo o mundo horrorizado
non dá creto ao que lle escoita,
non se fala doutra cousa,
grande sona toma o caso.

O Manuel foi indultado
de morte en garrote vil.
Preso en Ceuta o seu fin
morreu dun cancro terrible.
Deus castigou os ruíns crimes
do home lobo de Allariz.