Cantar de cego tradicional galego moi popular e con diferentes variantes tanto na letra como na música. Moi versionado por diferentes grupos e solistas galegos, aquí queda a nosa proposta deste fermoso romance.
Ábreme a portiña,
ábreme o postigo,
dame do teu lenzo
¡ai meu ben!
que veño ferido.
Pois se vés ferido
vés a mala hora,
que as miñas portiñas
¡ai meu ben!
non se abren agora.
Miña nai esperte,
nin tanto durmire,
veña ouvir un cego
¡ai meu ben!
cantar e tanxire.
E se il canta e pide
dálle pan e viño,
dílle ó triste cego
¡ai meu ben!
que siga o camiño.
Non quero o seu pan,
nin quero o seu viño,
quero que Rosiña
¡ai meu ben!
me ensine o camiño.
Culle, ou Rosiña!,
a roca e o liño,
vai co triste cego
¡ai meu ben!
decirlle o camiño.
Anda, ou Rosiña,
máis outro pouquiño,
son curto de vista
¡ai meu ben!
non vexo o camiño.
De condes e duques
xa fun pretendida
e agora dun cego
¡ai meu ben!
véxome rendida.