En 1719 o “Rexemento de Galicia”, comandado polo tenente coronel Nicolás de Castro Bolaño, combateu na Escocia en favor dos rebeldes xacobitas. Os galegos tomaron xunto con escoceses e irlandeses o mítico Castelo de Eilean Donan e percorreron aquelas terras para xuntar forzas de cara a rebelión. Xunto con Rob Roy MacGregor e xentes doutros clans daquelas terras, loitaron na batalla de Glenshiel, no corazón das Highlands escocesas. Foi unha batalla que se perdeu e boa parte dos soldados galegos volverían a Galiza meses despois, pero a súa memoria perdura aínda entre as xentes de Escocia. Aquela foi a última vez que un continxente militar estranxeiro combateu en chan británico.