Mar Maior

Ben saben galegos e irlandeses nas dúas beiras da gran baía do Mar Maior que nas súas terras azoutadas polo salitre non é onde acaba o mundo, senón onde o gran océano comeza.Para os fisterras atlánticos endexamais o mar ten sido unha fronteira, senón un camiño de ida e volta, de intensa efervescencia e intercambio cultural. Neste Mar Maior levan traballado durante séculos os mariñeiros galegos que pescan no Gran Sol e dende tempos prehistóricos este é o gran mar dos Milesios, os descendentes de Mil, ao cal a tradición irlandesa considera o pai ancestral desa nación.
Luar Na Lubre viaxa no seu novo traballo á Idade Media para agasallarnos cunha combinación destas dúas grandes culturas por medio de fermosos anacos das súas representacións literarias máis importantes e recoñecidas: a lírica galaico-portuguesa e a literatura gaélica medieval.A lírica galaico-portuguesa desenvolveuse principalmente en terras de Galicia e Portugal entre os séculos XII-XIV. Esta lingua vernácula recollía tradicionalmente o folclore, a sabedoría do pobo, que cantaba os seus amores, traballos e penas en diferentes composicións orais transmitidas de xeración en xeración, como son as cantigas, os romances ou os cantares de traballo. Mais a nosa lingua deu un pulo cando os grandes trobadores e xograres “roubáronlla” á lírica popular para compoñer os seus cantos. Recollendo tanto a temática xa existente, como aquela que proviña dos trobadores provenzais grazas ao Camiño de Santiago, estas novas cantigas acadaron a grande fama que merecen grazas aos xograres Martín Codax, Mendinho ou Airas Nunes, pero tamén grazas aos reis-trobadores Don Denís e, especialmente, Alfonso X “O Sabio”, que contribuiu coas súas Cantigas de Santa María a que o galego-portugués se convertese nunha lingua de cultura máis aló das terras galegas.
Pola outra banda, nesa mesma época foi compilado Leabhar Gabhála Éireann (O Libro das Invasións de Irlanda), unha mestura de mitoloxía, pseudohistoria, folclore e historiografía cristiá que os irlandeses aceptaban sen cuestión coma a súa historia ata ben entrado o século dezaoito.
O manuscrito, redactado en irlandés medieval, relata como nunha clara noite de invernía Ith estaba no cumio da torre que o seu pai Breoghán, que para os galegos é o pai da nación e como tal é recoñecido no seu himno, construira nun lugar chamado Brigantia e viu unha illa ao lonxe. Decidido a atopar aquela illa, Ith embarcou co seu fillo Lughaidh e varios guerreiros.
De seguido, desembarcou nun lugar chamado Ventrach Moighi Hiota no que hoxe é o condado de Kerry e pronto atopou os habitantes da illa, os Tuatha, que lle dixeron que esta levaba por nome Inis Ealga e que estaba habitada por unha serie de tribos que neses intres estaban en loita. Cando Ith soubo deses enfrontamentos deulles o consello de que deixasen de loitar entre eles porque a illa era rica en mel, pescados, colleitas e o clima era benigno, por todo isto era un lugar onde as diferentes xentes podían vivir en paz. Estas verbas fixeron que os isleños sentiran ciumes porque temeron que, ao saber Ith das riquezas da illa, quixera conquistala e por esta razón decidiron matalo. Logo de despedirse do rei dos Tuatha, Ith voltou ó seu barco,  mais antes de que puidese embarcar foi ferido de morte. Cando o barco tocou terra en Brigantia e os fillos de Mil, neto de Breoghán, viron morto a Ith, enfureceron e decidiron vingalo, polo que organizaron unha expedición de cinco barcos con Donn, fillo de Mil, ao mando. Ao chegaren á illa, a maxia dos Tuatha fíxolles imposible ver terra e estiveron perdidos no mar durante tres días. Unha terrible tormenta provocada polos Tuatha botou a pique o barco; foi entón cando o poeta Amergín, que ía nesta segunda expedición, recitou a súa sobranceira invocación á terra de Irlanda e aos elementos e venceu co seu poema a maxia dos Tuatha. Por isto a miúdo é considerado como o primeiro poeta de Irlanda. Segundo a tradición irlandesa, esta foi a última invasión de Irlanda e non foi exterminada por praga ningunha nin expulsada por outras xentes.
Así, trala derrota dos caudillos gaélicos na batalla de Kinsale en 1602, un dos primeiros actos na Coruña dun refuxiado da batalla, Red Hugh O´Donnell, foi ir visitar a Torre de Breoghán nesta cidade, dende onde el cría que moitos séculos antes os seu antepasados saíran cara ao Éire. Mesmo hoxe en día as xentes dos Gaeltachtaí (lugares onde se fala irlandés) aínda lembran a historia de Mil e os galegos son sempre ben recibidos como membros da gran familia milesia.
Viaxemos, pois, con Luar Na Lubre ata as terras de Castela onde O Rei Sabio escribiu nunha lingua entón prestixiosa e agora tantas veces minorada. Voltemos a Galicia a contemplar as ondas do Mar de Vigo de Martín Codax, de alí embarcaremos cara ao norte seguindo a corrente do Curricán que surca nun camiño de ida e volta polo grande océano da música, da poesía e dos soños. ¡Boa viaxe!

Carme R. Alonso

Dublín, abril 2012

Colaboracións:

– Nani García: Teclados, temas IV, VI, XII; Arranxos de
corda, tema XIV
– Quinteto Cimarrón: Eduardo Coma (violín 1), Lázaro
González (violín 2), Raymond Arteaga (viola), Luís
Caballero (chelo), Óscar Rodríguez (contrabaixo), tema XIV
– Miguel Queixas: Batería, tema II, V
– Rubén Montes, Miguel Queixas, Miguel Cabana: Tambores, odaikos, batás e percusións industriais, temas I, VII, XI
– Roi Casal: Arpa, temas I, XII
– Verónica Ferreiro, Ángeles Dorrio, Carmen Rey: Coros,
temas I, II, X
– Daniel Canosa, Alfonso Deus, Pablo Raso: Coros, temas I, VII, X
– Roberto García: Tumbadoras, tema VIII
– Sergio Fernández: Baixo, tema II
– Maria Xosé Silvar “Ses”: Pandeiretas, temas V, X, XI
– Sergio Delgado: Teclados, temas II, VII

Agradecementos

Estrela Casdelo, Moncho Viñas, Manel Raposo, Estefanía Domínguez Cagigao, Isidro Cea, Nani García, Xabier Cordal, Carmen Alonso, Jean Bernard Barrenquy (Barrabás) Nonito Pereira, Guillermo Vergara, Rosalía Mera, Raquel Gamallo, Carlos Maceiras, Marisé Barreiro, Tonecho e Marisa (Casas Saqués), Elba Fernández, Chus Facal, Alberto Casas, Juan Collazo, Federico Ortega, Luz Divina, de Warner: Alfonso Pérez, Mónica Gutiérrez e Enríque Magaz,
grazas especiais a Maruchy Suárez por crer en nós e no noso proxecto e tamén a tod@s os nos@s amig@s e familias que nos apoian incondicionalmente, é que grazas a eles Luar Na Lubre continua a traballar con ilusión e gañas.

Este C.D. foi gravado nos Estudos “BRUAR” de A Coruña.
Bieito Romero e Xabier Ferreiro foron os productores artísticos deste traballo coa imprescindibel colaboración de todos os membros do grupo.
As mesturas foron feitas nos Estudos “BRUAR” de A Coruña por Xabier Ferreiro e Jean Bernard Barrenquy.

Gravacións adicionais:
Mans – Estudio de gravación. Quinteto de corda
Cimarrón, tambores e percusións industriais.

Técnicos: Víctor Vázquez, Xabier Ferreiro.
Gravación coro: Nicolás Vieitez
Asistentes de Gravación: Bruno Area, Miguel Puerto, Víctor Gil.

Arte C.D.: Estefanía Domínguez Cagigao

Fotografías: Isidro Cea Cabanelas

Vestuario Paula Rey
: Mecamimos (Deseño e moda)
www.mecamimos.com

Lista de temas