Cabo do Mundo

Este disco está dedicado ó mar e ó pintor do mar, Urbano Lugrís.

INTRODUCIÓN

A CIDADE E O PINTOR

Esta terra sempre foi mar. Antes que os devanceiros levantasen mámoas e castros, as forzas da natureza labraron e puliron outeiros monumentais. Nun deles os canteiros antigos ergueron este faro lendario para alumar a ruta dos tesouros ultramarinos. Ó abrigo do faro, torre amiga da liberdade, naceu a cidade que se foi estendendo po la lingua de area, nos arrabaldes da Peixería. E aquí, onde se espalla o mar en brillantes galerías, naceu o pintor, Urbano Lugrís.

A súa vida foi pintura fantástica. Cando naceu o pintor batía o mar bravo contra o murallón do peirao, o mesmo que fora defendido do corsario polas mulleres. Con este son arrolouno súa nai en cantigas de berce. O padriño encheu o maxín do neno coas lendas dos monxes que buscaban o paraíso; o neno soubo axiña de Ero, engaiolado polo paxariño cantor ó pé da fonte, de Brandán, que atravesou o océano no lombo dunha balea, de Telmo, señor do trebón, e de Amaro, que alucou o ceo por unha reganduxa. A correr polo outeiro, onde o vento zoa e asubían as sereas dos cons e das furnas, o neno fitou a pedra dos labirintos, laxe gravada que os máis vellos coñecen aínda como o Altar e onde queren ver os primeiros emigrantes. O neno subiu cedo ó faro, onde puido ollar na Marola a mar toda, abrazar o arco atlántico desde a Punta Coitelada ata as illas Sisargas e concibir outras terras. Cara a elas marchaban greas caladas de emigrantes. Dende alén mar tiveron azos para erguernos escolas e modelaren os símbolos do seu reino humilde: a academia da lingua, o himno e a bandeira que, do estandarte deste porto, en tea azul e branca, coseron para podermos cubrir os cadaleitos dos poetas.

Emigrante tamén seu pai, o vello Lugrís forxara A gaita gallega, o primeiro periódico escrito en galego en América; e de alá volveu para impulsar entre nós o teatro, para falarlles por vez primeira abertamente na súa lingua ós labregos, para compartir tertulia en íntima amizade con Eduardo Pondal, o noso bardo. Da boca deste, xa moribundo, o vello Lugrís escoitou o derradeiro salouco: «Décheme unha lingua de ferro e déixoche unha lingua de ouro».

O pintor medrou coas nosas lendas, e acadou silueta de xigante coa xograría que soñou as máis entusiastas empresas, a mesma que foi de ruada con Federico García Lorca, o poeta máis granado.O pintor peregrinou cun teatro de monicreques que facía rinchar cabalos de guerreiras doncelas, asubiar o vento e mover as ondas do mar para abrir as bocas pasmadas dos nenos.

Veu a noite escura e outra emigración, o desterro do que nunca se volve. Lugrís, náufrago, aturou con bohemia a triste realidade dos homes, bebeu o ron dos sargazos, o licor dos mortos. Nunca deixou de ser o neno das buguinas. Fíxose miniador e calígrafo de pulso firme, pintou o que nunca debemos perder. Ninguén coñecía os segredos da cidade coma el, que se mergullaba tralas portas do mar. Das tabernas do porto fixo os museos máis vivos; nos seus muros, entre bocois, estampou tódolos iconos mariños, e con outros argonautas amigos mantivo a Atlántida, a revista do mar, onde co nome de Ulises Fingal recolleu nunha onda a mitoloxía clásica e céltica toda.

Tripulou a nave que o levou na derradeira singradura a outro porto amigo, Vigo, e recolleu preto o son do mar nunha ermida. Repousa onde se albiscan as Illas Cíes, entre as ondas do xograr Martín Códax e os tesouros do Capitán Nemo. Alí van saudalo os chafarís das baleas, nun mar de saudade. Olládeo, se queredes gardar limpo o mar.

COLABORADORES

Erick Riggler: Uillean pipe
Elías García: Bouzouki
Fernando Largo: Arpa céltica
Fernando Villar: Teclados e timbais
Enrique Sequero: Voz
FALTRIQUEIRA: Voces e coros
Marcos Represas: Clarinete.

AGRADECEMENTOS

Óscar Claros, José Luís Gallego, Xulio Diloy, Braulio e Paco de «Dolmen Produccións», Enrique Magaz, José Luís De La Peña, Carlos Rodríguez (CROF), Familia Maceiras, Familia Seivane, aos de Balboa e Canteixeira, ás xentes de A Cova Folk, Casa da Lubre e Cova Céltica, Alberto de Maceda, Jon Pagola, J.R.Bugliot, Nonito Pereira, Rosa Suárez, Xosé Mendez, O Bebedeiro, Mario e Belinda de A Maceira, Manuel Molares, Pepón Goikoa e como non…..Mike Oldfield…..Grazas!!!

Dun xeito especial:

A Óscar Vinader: Por sobrepasar o concepto de técnico e converterse nun bo amigo.
A Sergio Cruzado: ¿Que fariamos sen ti? Sempre estás cando te precisamos. GRACIÑAS!!!
A Xulio Cuba: Apaixonado co proxecto coma nós. Grazas polo teu esforzo!!!!
A Marisa Diéguez: porque nos momentos máis duros desta andaina estivo sempre presente.
Á Familia Urbano Lugrís: Por facilitarnos a consecución desta marabillosa obra.
A «Caixa Galicia» e á «Fundación Barrié de la Maza»: Por cedernos as obras no seu poder e por facernos todo máis doado.
Aos «Imprescindibeis» do poema de Bertold Brecht que sempre están aí. GRAZAS!!! .

– Este disco foi gravado nos estudos Dolmen de A Coruña, Eurosonic e El Álamo de Madrid entre os meses de Xaneiro e Abril do ano 1999. A mestura foi realizada integramente nos estudos Eurosonic. O técnico de son e mesturas foi Óscar Vinader e os asistentes foron Óscar Claros e José Luís Gallego.
– A produción correu a cargo de Bieito Romero e Óscar Vinader.
– Os arranxos son de LUAR NA LUBRE.
– Todos os temas, de Canciones del Mundo.
– Fotos: Abilio lope.
– Deseño: Sañudo/99. RaRo S.L.
– Realización: Ana Díaz.

Lista de temas